Rede polo Decrecemento en Carballo

O Casino de Carballo e a Rede polo Decrecemento en Carballo teñen o pracer de anunciar o XV Encontro Ibérico de Moedas Sociais e Complementarias, que terá lugar éste ano no Auditorio do Fórum de Carballo os días 10 e 11 de outubro.

As moedas sociais e complementarias son unha ferramenta para promover  comercio locail, un consumo máis sostible e unha economía local comunitaria sen especulación.  O que as diferencia das moedas de curso legal é que non se pode especular con elas, polo que desbota o concepto de moeda como riqueza en si mesma, monopolizada polos bancos centrais e grandes oligopolios económicos.

Este Encontro é un dos principais eventos a nivel mundial no ámbito da Economía Colaborativa e as Finanzas Alternativas.

 

Impulsando Sabia, unha moeda social galega.

Tras ampliar o seu alcance ao ámbito ibérico despois do evento de Lisboa en 2025, éste Encontro —que comezou en 2012 en Vilanova i la Geltrú (Barcelona) como o I Encontro de Moedas Sociais e Complementarias, con 16 moedas representadas— converteuse nunha cita anual que se celebra en diferentes lugares da península.

A organización a cargo de colectivos locais garante que cada edición sexa única, xa que reflicte as realidades locais, a moeda social específica da zona anfitrioa e o contexto social vixente. Esta diversidade é un dos puntos fortes do encontro, pois permite aos participantes coñecer experiencias moi variadas e compartir coñecementos entre proxectos.

Aínda que o perfil dos asistentes é diverso, xeralmente divídese en dous grupos principais. Por unha banda, hai persoas implicadas no activismo social e en proxectos relacionados coa economía social e as moedas complementarias; moitas delas participan directamente na creación e xestión destas iniciativas.

Por outra banda, tamén participan académicos e investigadores, motivados polo interese en estudar e analizar estas experiencias.

Ademais, existe un núcleo de participantes habituais que asistiu a moitas das edicións, o que fomenta unha rede sólida de relacións e colaboración.

Un dos valores fundamentais deste evento é o intercambio directo de experiencias reais: coñecer proxectos que funcionan en diferentes rexións, compartir retos e solucións e xerar novas colaboracións entre as persoas e colectivos que traballan no eido das moedas sociais e complementarias.

A nosa intención como organizadoras deste evento é abrir unha fenda a prol da Economía Colaborativa na nosa contorno  impulsando o uso da Sabia en Carballo e na comarca de Bergantiños, unha moeda social galega actualmente en estado de latencia.

Inscríbete

As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse nesta folla de rexistro. A inscripción é de balde. Nese documento atoparán cuestionarios que nos axudarán a planificar a loxística, coñecendo:

  • Cantas persoas asistirán.
  • Cantas quedarán a xantar no lugar do evento e as súas necesidades dietéticas..

O luns día 5 de Outubro é o ultimo día de prazo para anotarse ós xantares.

 – Na folla de rexistro tamén se inclúe unha ligazón a un documento para coordinar opcións de aloxamento e transporte entre particulares, así como información sobre opcións de hoteis. Facemos un chamado a todas as persoas que dispoñan de espacio, a acoller nos seus fogares algunhas das persoas que o solicitan. Este evento non ten ningún tipo de orzamento, nin público nin privado, tódolas asistentes asumen persoalmente os custos de desprazamento, aloxamento e comidas, vindo algunhas delas de lugares tan distantes como Uruguai, México, Cataluña ou Bélxica. A colaboración das particulares ofrecendo aloxamento ou transporte na medida das súas posibilidades, axuda a compartir o esforzo das participantes e fai comunidade. Hai un enorme traballo voluntario detrás deste evento, moita xenerosidade das participantes no programa e tamén das persoas que acollen.

De interés:

Convidámosvos a inscribirvos no

I Mercado Ecosocial, ofrecendo e demandando productos e servicios, que propoñen os membros do proxecto RIAS na tarde do Sábado. Será un exemplo práctico de cómo funciona un mercado en moeda social. Visitade a ligazón para saber máis sobre o proxecto e o mercado proposto.

-Finalmente, picando aquí  podedes atopar todos os detalles sobre o extenso programa xunto con breves biografías das persoas e descripcións das súas respectivas palestras, talleres e xogos arredor da Economía Social.

Seguídenos nas redes:

Rede polo Decrecemento en Carballo: